Produción agro-gandeira

Produción agro-gandeira e globalización

O monte veciñal multifuncional e sustentable, vencellado a un medio rural vivo, precisa estar apoiado por políticas que posibiliten o mantemento da poboación exercendo diversas actividades, entre as que adquiren relevancia as actividades agro-gandeiras.

Dentro dos obxectivos de mellora social, cómpre reclamar o dereito a unha alimentación sá, con sistemas de produciDetalle gando2ón de alimentos respectuosa co medio ambiente e co benestar animal.

As comunidades de montes deben facerlle fronte ás políticas agrarias das compañías multinacionais, que pretenden instalarse onde máis barato produzan, sen ter conta nin as esixencias ambientais nin os dereitos sociais e laborais, para logo vender os seus produtos ao mínimo custe de produción en calquera parte do mundo. Isto é, lograr a soberanía alimentaria do noso país.

O único xeito de combater esta policía agraria agresiva é que as producións agro-gandeiras estean nas mans da sociedade labrega, con explotacións ben dimensionadas e cunha produción ambientalmente aceptable. A día de hoxe, este xeito de produción aínda é posible, para o cal o sector agro-gandeiro ten que dispor de espazo suficiente para desenvolver a súa actividade. Os montes veciñais dispoñen de terra e as comunidades de montes entenden q importancia da relación do monte coa produción agro-gandeira. O silvopastorismo é un uso compatible cos outros usos do monte, mesmo co forestal.

As comunidades de montes e o sector agro-gandeiro temos que traballar conxuntamente porque o beneficio se­rá mutuo. En moitas comarcas de Galicia as relacións entrambos non foron boas e mesmo estiveron enfrontados, mais en moitos lugares esa situación xa é historia.

Produción de interese social: o gando no monte

Para este tipo de produción, que é o único que existe nos países modernos, o sector agro-gandeiro debe dispoñer de terra, e ningún propietario ten máis terra que as comunidades veciñais.

As comunidades de montes e o sector gandeiro necesitámonos mutuamente, porque hoxe un bo procedemento para acadarmos un medio natural produtivo e de progreso é co uso axeitado, organizado e controlado do gando. Efectivamente, cando o monte era monte e non terreo de plantación industrial para o monocultivo, o gando pastou sempre nel. Nun monte san e con pasteiros os problemas eran mínimos: nin o gando baixaba ás leiras nin se producían colisións cos coches.

O uso dos animais para frearmos a expansión salvaxe do monte, isto é, o silvopastoreo, é fundamental: non podemos pensar en ningún enfoque para o rural se non contemplamos a utilización do gando nos montes. Axuda moito á minguar o custe do traballo continuo nos milleiros de hectáreas do monte como procedemento para termos contida a vexetación.

Tradicionalmente, o gando foi sempre da veciñanza e esta sempre viviu co gando. Se os animais invaden as leiras e fan dano é porque o monte xa non é monte e os animais non teñen comida e abrigo abondo para manterse todo o ano nel: hai unha evidente carencia de ordenación do aproveitamento gandeiro.

Nas áreas periurbanas as complicacións viñeron polo aumento da poboación e a súa expansión cara aos espazos historicamente deshabitados. Nos demais casos, a causa primeira de que os animais choquen coa veciñanza é a nefasta sobreexplotación do territorio, por medio da plantación descontrolada e masiva que nin sequera se pode chamar “monocultivo”, pois, polo menos no caso do eucalipto, a maioría das veces ningunha xestión para o cultivo se lle aplica.

Este nefasto enfoque do uso -en realidade abuso- do monte e a súa consecuencia lóxica que é o lume, obrigan ao gando a saír das súas zonas habituais de pasto. Para solucionalo é preciso modificarmos e planificarmos as especies axeitadas e a súa distribución na superficie do monte. Non todo o monte serve para todo. Esta planificación debe realizarse de acordo cos intereses das comunidades de montes e coas posibilidades da explotación, e podemos contar tamén coa opinión dos industriais da madeira.

É imposible que unha plantación teña futuro se os animais andan nela. Pero eliminalos é un comportamento moi elemental e primario. Defender as plantacións con peches ten a súa razón na planificación forestal e contribúe a acercar posturas das comunidades de montes cos gandeiros, de facerse con lóxica e diálogo, como xa ocorre nalgunhas comarcas. No Barbanza, por poñer un caso, estes peches, proxectados e comezados hai anos, experimentaron nos últimos tempos unha melloría notable grazas ao esforzo de moita xente das comunidades de montes, de moitos gandeiros que comprenderon a súa necesidade e tamén do persoal do Distrito IV da Consellería.

A idea fundamental deste novo pulo consiste en aceptar as partes que os peches non se instalen só coa intención de que os animais non entren nunca na plantación. En realidade non deben deixar entrar nos primeiros momentos de enraizamento e medre da planta, pero logo deben permitirlle o paso e mesmo servir como un elemento máis da xestión gandeira. É un elemento importante para frear o avance selvático do monte, naquelas zonas onde as comunidades o decidan.

Os primeiros peches do Barbanza resultaron insuficientes, basicamente porque nas zonas altas a falta de abrigo para os animais empuxábaos cara abaixo. Co traballo dos gandeiros e o labor dos técnicos e axentes do distrito, as comunidades de montes fixeron e fan novos peches, que chaman “de inverno”, coa idea de que, cando vén o frío, os donos dos animais poidan refuxialos nalgures para poder desbrozar as zonas pechadas que os comuneiros determinen.

A pacificación e a colaboración necesarias

Sendo conscientes do interese ambiental que supón a presenza do gando nun monte maduro e san, para camiñarmos xuntos e avanzarmos na consecución de fitos sucesivos, que van ser capitais no progreso do rural e do país, é preciso que superemos e rematemos a etapa de enfrontamentos entre os propietarios do gando e as comunidades de montes. Para iso debemos partir de tres bases:

1.- No seo das comunidades, hai membros do sector agro-gandeiro. Necesitamos que expoñan os seus puntos de vista, indispensables para a correcta xestión do gando do monte. Pero tamén é necesario que non se dubide o indiscutible: a comunidade de montes é a propietaria dos montes e toma as decisións, aprobadas ineludiblemente pola asemblea soberana.

2.- Tampouco se pode discutir que o gando debe estar saneado e que os aproveitamentos han estar controlados e organizados para beneficio de toda as partes: nomeadamente, para quen ten a propiedade do monte e quen ten a do gando.

3.- O uso do gando é o único procedemento sostible para xestionarmos os montes veciñais e defendelos do lume; pode xerar riqueza ás comunidades; é compatible, mesmo necesario, con todos os outros aproveitamentos do monte.

Este marco é un ideal, mais hai que poñerse a traballar xa para lograr que sexa unha realidade a curto prazo co fin de rematar coa situación na que hoxe esta o aproveitamento gandeiro na maioría dos montes veciñais. En varias áreas do país xa se acometeron os primeiros pasos nesta vía de solución, unha solución necesaria para problemas que non se poden considerar, nunca máis, como problemas endémicos dos nosos montes. Son lamentablemente, demasiado coñecidos: destrución de plantacións, estragos de colleitas e nas leiras, accidentes de circulación, dos que, por certo, poden ser as comunidades de montes declaradas responsables subsidiarias; por non falarmos de incendios ou de animais mortos a tiros ou con lazos, todo isto pola falla dunha boa ordenación do aproveitamento gandeiro integrada na ordenación do monte.

Para estudar as alternativas de futuro no aproveitamento de to­do tipo de gando (vacún, cabalar, ovino, caprino e outros) a solución esixe, como primeiro factor, o diálogo entre as partes, e como conclusión lóxica, un acordo ou convenio baseado nas análises de tres puntos fundamentais:

1.- A titularidade das explotacións gandeiras, que pode recaer na propia comunidade de montes; en persoas da comunidade; en agrupacións da parroquia ou da bisbarra; ou mesmo en agrupacións ou persoas xurídicas ou físicas, distantes ou alleas ao monte.

2.- A regulamentación e a definición deste aproveitamento, que será compatible cos outros aproveitamen­tos do monte, concretando o tipo de gando e a carga gandeira, segundo especie e superficie. Para cada monte será obrigado tamén fixarmos por escrito a cadencia na rotación do gando e outras moitas especificacións, como as cotas; e loxicamente a contratación dun seguro de responsabilidade en previsión de calquera suceso.

É necesario autorización das asembleas ás xuntas rectoras das comunidades de montes para negociar e posibilitar acordos coas agrupacións de gandeiros/as de fóra da parroquia e para o uso das cotas sobrantes do posible aproveita­mento gandeiro.

3.- A cualificación dos donos do gando, pois no caso de cesións dos aproveitamentos gandeiros a terceiros débese diferenciar dous grupos:

– Os gandeiros/as ou agrupacións que teñen esta actividade como principal ou, cando menos, como un complemento importante.

-Os donos do gando ceibo que o teñen en estado de total de abandono e que ás veces viven lonxe de onde teñen o seu gando.

Nestes casos hai que diferenciar claramente os gandeiros dos furtivos. Os gandeiros, que se ocupan dos animais e traballan e viven con eles, constitúen un complemento para as comunidades de montes: teñen tanto interese en que o monte estea atendido coma as propias comunidades, porque ademais case sempre son membros delas.

Distinto é o caso dos que queren pasar por gandeiros sen selo. No caso do gando cabalar, moitas veces ampáranse no anonimato que lles reporta o descontrol administrativo e xudicial na identificación dos animais. En moitas ocasións trátanse de casos delictivos onde a opacidade económica e documental proporciona, en conexión cos trapicheos das subvencións e outros, beneficios abundantes. Estes individuos, que debemos denominar dun xeito distinto (piratas, furtivos ou directamente delincuentes), non son gandeiros e han ser expulsados dos nosos montes. Todo o que fagamos por planificar, clarear e organizar, serán atrancos nas súas comenencias. Eles sábeno e deles derívanse a maior parte dos problemas.

O acordo cos gandeiros non semella complicado, mais cos furtivos é máis dificultoso. En ámbolos dous casos, e co fin de chegar a acordos posibles, as comunidades de montes veciñais, ademais de recoller nos Estatutos o aproveitamento gandeiro, teñen que dotarse duns convenios para executar esta nova regulamentación. Os convenios deben conter, cando menos, os seguintes puntos:

a- Especies de gando a pastar e numero de cabezas por hectárea, isto é, a carga gandeira que pode aturar o monte.

b- Cadencia da rotación das zonas de pastoreo e definición do goberno do gando.

c- Prevalencia da decisión das comunidades de montes, mesmo nos te­rreos cedidos para o aproveitamento gandeiro. En remate, que esa cesión non hipoteque o futuro desenvolvemento do monte.

d- Esixencia dun seguro de responsabilidade civil que cubra os posibles accidentes producidos polo gando.

Os acordos entre comunidades de montes e gandeiros/as para regulamentar o aproveitamento gandeiro nos montes son beneficiosos para ámbalas dúas partes.

Para as comunidades de montes porque deste xeito:

-Coñecen o número de cabezas que pastan nos seus mon­tes e teñen identificados aos seus propietarios.

-Teñen garantido o estado sanitario do monte.

-Contan con interlocutores válidos para regular o pastoreo, establecer a rotación do pastoreo, acordar un calendario de desbroces na zona e asegurar a supervivencia das plantacións novas.

-Perciben taxas polos aproveitamentos gandeiros.

-Teñen cubertas as costas no caso de accidentes producidos polo gando.

Son tamén beneficiados os gandeiros/as, xa que :

-Eliminan a incertidume que supón enfrontarse a plans de forestación pro­gramados sen o seu coñecemento.

-Dispoñen dunha reserva de monte para o pastoreo.

-Poder construír nos montes servizos para o goberno do gando: mangas de tratamento, abrigos,  cebadoiros, cercados, etc.

-Teñen a garantía de que o gando que teña autorización para pastar no monte, terá o mesmo control sanitario que ten o seu gando.

-Poden percibir axudas e subvencións para mellorar as súas explotacións.

Con este traballo conxunto pódese camiñar cara conseguir produtos agro-gandeiros con denominación de orixe, a potenciación de mercados locais para vendelos, a celebración de festas e feiras de exaltación dos produtos e tamén de defensa da titularidade veciñal.

O gando sen control

A situación do gando sen control ten que ter outro enfoque. Este tipo de gando, maioritariamente cabalar, vive nos montes en moitos casos en total abandono, sen suplemento alimenticio ningún e o seu goberno está máis preto de prácticas dos pobos nómades prehistóricos que dunha xestión propia dos tempos actuais.

Deste gando ninguén se responsabiliza e, polo xeral, os seus donos sóltanos nos montes sen ningún tipo de autorización. Na maioría dos casos non están saneados e son portadores de doenzas que poden contaxiar ao resto da cabana gandeira ou á fauna salvaxe que vive no monte. Antes de chegar a posibles acordos entre comunida­des de montes e propietarios deste gando sen control, débese esixirlle á Xunta de Galicia que regulamente:

1- A identificación eficaz de cada animal e a do seu dono, para evitar a impunidade do anonimato. Cando o propietario teña que asumir a súa responsabilidade, será o primeiro interesado na regularización do gando no monte.

2- O saneamento do gando, retirando dos montes os exemplares que non sexan identificados e saneados ou estean claramente doentes.

Para demostrar o interese que afirma ter, a Xunta de Galicia debe comezar, coa maior urxencia, a identificación dos equinos empezando por onde se ten avanzado máis, por exemplo no Barbanza. Teriamos así as comunidades de montes e os gandeiros a certeza de que o problema do gando no monte galego vai por vía de solución sen que dependa de quen goberne a Xunta. Nesta liña o único que podemos facer as comu­nidades de montes é colaborar coa administración galega, mes­mo cedendo lugares onde pechar os animais en situación irregular antes de proceder a poxas públicas.

Non coñecemos aínda as posibilidades que, para o rural, pode ter a cría cabalar no noso país. Pouca xente sabe que, en tempos, tiñamos máis cabalos en Galicia que en Andalucía. Sobre estas posibilidades, algúns apuntamentos:

* A resistencia dos nosos cabalos nos máis diversos traballos levou a que chegaran a todas partes do mundo desde a época romana. Esta “exportación” está hoxe en desuso pola substitución dos vehículos a motor.

* A produción cárnica cabalar aínda ten demanda, a pesar de que foi maior noutras épocas.

* Estase a traballar fondamente na catalogación da raza galega e a mellora das mandas ceibes, sen desprezo por aquelas menos puras, xa que no monte todas cumpren a mesma función ecolóxica.

* A aspiración de producir cabalos para o deporte e lecer na nosa terra, con animais dunha resistencia probada e indiscutida, son proxectos dunha envergadura histórica que suporán unha indiscutible mellora económica.