Plantas de biomasa

Plantas de biomasa como valor engadido dos restos vexetais

O cambio climático, o quecemento global e os lumes aféctannos a todos de igual xeito. Temos que adoptar medidas particulares que contribúan á rectificación dos mesmos cunha incidencia social e global. Os restos vexetais que se denominan biomasa forestal residual non poden ser considerados como un residuo do que hai que desfacerse, considerando que queimalo é facelo desaparecer sen consecuencia algunha. Eliminar os lumes no monte e reducir ao máximo a combustión de restos nos nosos montes é contribuír a unha atmosfera máis limpa.

A xestión da biomasa forestal residual (podas, cortas, etc.) debe considerarse como un aproveitamento máis dos montes veciñais que pode realizarse de diversos xeitos, como poden ser produción enerxética ou produción de substratos. Sen desbotar ningunha delas, o aproveitamento da biomasa forestal residual para a produción de substratos, abonos e compost permítenos obter unha maior rendibilidade, xa que significa:

– Diminución da masa pirofítica no monte e polo tanto unha loita eficaz contra os lumes forestais.

– Comercialización dun produto con saída na agricultura e xardinería, polo tanto, xeración de plusvalías e valor engadido para o monte e de riqueza e mellora da calidade de vida da veciñanza.

– Concienciación e sensibilización medioambiental da sociedade.

– Engádega de enriquecemento dos solos para os cultivos forestais.

– Restauración de solos degradados.

O aproveitamento dos restos forestais mediante a compostaxe ten as seguintes vantaxes:

1- Realízase de xeito sustentable sen tirarlle nutrientes á terra, xa que só se recollería a biomasa deri­vada das cortas de madeira e silvicultura definidos nos plans de xestión dos montes.

2- Xera emprego na economía local a medio das tarefas silviculturais e na recollida, transporte e xestión da biomasa na propia planta.

3- Plena capacidade de decisión e control das comunidades de montes, sen estar atadas a un contrato empresarial que obrigue á retirada dunha cantidade de biomasa forestal fixa anual.

4- Consecución dun produto final, o mantillo (compost), con posibilidade de xerar valor engadido coa súa comerciali­zación ou de uso para enriquecemento e restauración de solo ou mesmo para uso pola veciñanza comuneira en cultivos e xardíns.

Adicionalmente existe a posibilidade de integrar no proxecto os restos vexetais de concellos e empresas de xardinería locais, ou outros restos orgánicos procedentes de actividades agro-gandeiras.

Polo tanto, estaríamos aportando unha solución sustentable a un dos grandes problemas que ten a sociedade galega actual: desfacerse de parte dos residuos forestais, que incrementan o quecemento climático a través das queimas reiteradas ou saturan a recollida de residuos sólidos ao introducir nela os restos de xardinería particular. Así mesmo permite realizar un labor exemplar de educación ambiental na sociedade en xeral e sobre de todo entre o sector educativo, podendo chegar a través deste proceso a amosar o valor dos montes veciñais en todo o seu conxunto.

Aproveitamentos leñosos complementarios.

Os proxectos de valorización da madeira ou de aproveitamento da biomasa forestal para a produción de abonos e compost poderían complementarse coa produción de leña, serrín, codia, astelado… Tamén outros produtos derivados como pelets, etc., para uso como combustible para as caldeiras de calefacción dos edificios públicos e das vivendas.

Detalle arboradoRetirada da biomasa forestal dos montes.

Nos próximos anos, as co­munidades de montes van estar sometidas a unha forte presión polas empresas enerxéticas que precisan biomasa forestal para a produción de enerxía eléctrica mediante combustión. Sobre todo porque vai a estar fortemente subvencionada.

Aínda que defende­mos que a mellor opción do aproveitamento da biomasa forestal é a reciclaxe para outros usos, non podemos pechar os ollos a outros aproveitamentos como son os enerxéticos. Para que este aproveitamento non sexa puramente extractivo, que non se espolien os recursos dos montes e xa que logo, non hipotecar un futuro desenvolvemento multifuncional e sustentable, as comunidades de montes que asinen contratos con em­presas de produción enerxética deben esixir que cumpran cando menos as seguintes condicións:

– O contrato debe tratar soamente da retirada da biomasa forestal.

– A biomasa forestal a retirar será só a derivada das cortas de madeira e dos traballos silviculturais establecidos nos plans de xestión ou de ordenación dos montes.