Patrimonio cultural

O patrimonio cultural como recurso do monte.

Os montes veciñais conteñen arreo restos doutras épocas. Castros, mámoas, valados, petroglifos, camiños, muíños ou  cruceiros constitúen importantes valores culturais,  patrimoniais e arquitectónicos que as administracións deben restaurar e manter.

A posta en valor dese patrimonio cultural require unha atención especial, xa que o obxectivo debe ser a súa protección e conservación. As comunidades de montes debemos sentirnos orgullosas de que se atopen no noso territorio eDetalle patrimonio debemos contribuír a que a sociedade se conciencie no seu respecto e conservación. Asegurando esa conservación, os restos patrimoniais, ao igual que os valores naturais e paisaxísticos, deben ser entendidos como un feito máis que acrecente o valor do monte comunal en si mesmo e poden ser un dos recursos máis dos montes veciñais.

A valorización de todos estes elementos culturais pode dar pé ao desenvolvemento dun nacente turismo rural, natural e cultural, como un recurso máis dos montes veciñais. Xunto cos outros recursos, pode contribuír á dinamización socioeconómica da zona de influencia onde están asentados e ao desenvolvemento local. A chave está en atopar o equilibrio entre conservación e uso. Para logralo, os restos patrimoniais teñen que facerse visibles, na medida do posible.

Moitas veces acontece que os técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio defenden unha postura demasiado restrictiva no tocante a ocultar eses descubrimentos do pasado para evitar a espoliación, os actos vandálicos ou o deterioro pola afluencia masiva de persoas. É preciso facerlles comprender que se os restos patrimoniais permanecen ocultos e non se fan visibles, non se poderá dar a coñecelos a nivel social nin a sociedade poderá aprender a respectalos e a coidalos. Deste xeito estase impedindo que as comunidades de montes os poñan en valor. Só a implicación na posta en valor da veciñanza comuneira poderá asegurar e garantir que se manteña no tempo a valorización, a protección e a conservación. Coa ocultación e o descoñecemento correse o risco de que sexan pasto do lume ou de danos de traballos de corta e de forestación salvaxes, simplemente por ignorancia dos xestores do terreo.

Unha vez postos en valor, a visita a estes restos patrimoniais ten que resultar gratificante, e non frustrante. Esta actividade de recuperación do patrimonio pode potenciar actividades de turismo, promover actividades comerciais de restauración, actividades relacionadas co lecer, actividades de ocio cultural e mesmo ser útiles como complemento educativo.

Os custosos procesos de recuperación e de mantemento non poden correr só a cargo das comunidades de montes. Dado que os beneficiarios son a sociedade en conxunto e nomeadamente os concellos e tamén os empresarios, comerciantes e outros que ven aumentar a súa oferta turística; semella lóxico que todos estes sectores contribúan dalgún xeito conxuntamente cos propietarios dos montes na posta en valor dos bens naturais e patrimoniais, e no seu mantemento.