Parques intermedios

Parques intermedios como xeración de valor engadido na madeira

No proceso de transformación da madeira, o produtor, isto é, as comunidades de montes,  representan o valor máis baixo na escada de beneficios. Se lle damos á madeira no monte o valor 1, cando chega ao consumidor transformada en moble, acada un valor 164. A diferencia é moita en prexuízo dos veciños propietarios. E poden darse pasos para diminuíla. Se as comunidades de montes tivesen a capacidade de producir táboa ou taboleiro, o valor da madeira multiplicaríase por 10. O proxecto para acadalo sería a creación de parques intermedios da madei­ra.

Estas instalacións van a permitir o almacenamento, clasificación, elaboración dos produtos de serra e outros aproveitamentos complementarios. Así son unha boa ferramenta para que a materia prima acade un maior prezo na venda e maior valor engadido, evitando a especulación cando os prezos do mercado non sexan os axeitados. Deste xeito lógrase un maior investimento para a mellora do monte. Mesmo poderían suscitar o interese das empresas vixentes actualmente na actividade.

A súa instalación é sinxela: unha superficie de 2 a 3 Ha, dotada dun sistema de serrado, báscula, envasadora de residuos e edificación para oficina, vestiarios e alma­cén. Asemade como complemento se deberían crear lonxas comarcais da madeira, que eviten as fluctuacións e especulacións dos prezos e xeren tamén valor engadido para os montes veciñais.

Os plans de xestión e de ordenación do monte veciñais son fundamentais para poñer en funcionamento o sistema de parques e lonxas, xa que así coñeceríase polo miúdo o volume de madeira que se podería extraer para o mercado ao ano e en cada momento. Como camiño intermedio para lograr as lonxas de madeira comarcais, as comunidades de montes mancomunadas ou próximas xeograficamente poderían iniciarse na venda conxunta da ma­deira dos seus montes.