Función ecolóxica do monte

O estado dos nosos montes é o resultado dunha lenta evolución. O solo, que procede da disgregación rocha nai, logo dun longo devalar chega a transformarse no rico humus (terra vexetal), onde existe unha complexa relación ecolóxica entre a materia inorgánica, orgánica e seres vivos que o compoñen. A formación do solo do monte é o resultado da acción das bacterias, liques, musgos, herbas, mato e árbores nun longo período de tempo.

Os sistemas naturais do monte tenden a ser sistemas complexos que avanzan na sucesión cara á estabilidade, proporcionalmente a súa fraxilidade e diminuíndo na produtividade. Esta é a dialéctica entre a etapa estable natural do bosque e a produtividade que a humanidade buscou sempre sobre sistemas alterados e fundamentalmente xoves.

Na análise da situación dos montes e a súa situación no mundo actual, en crise ambiental crónica, non podemos esquecer a función ecolóxica, o valor ambiental que ten o medio no que se sitúa o monte veciñal e as posibilidades sobre os usos que podemos levar a cabos dos recursos naturais.

Espolio da natureza e mercantilización

A globalización do capitalismo está a provocar o espolio globalizado da natureza como consecuencia da subordinación dos procesos naturais e dos procesos produtivos aos parámetros da mercantilización e do beneficio. Sen dúbida a fractura do sistema agro-gandeiro tradicional deixou na man do capitalismo o medio natural ao que pertence o monte, transformando todo o seu contido en beneficios empresariais mediante a construcción indiscriminada de encoros, a promoción do monocultivo forestal, etc. Vemos hoxe como ata o vento é contabilizado como un valor económico.

É por iso que temos que recuperar a verdadeira dimensión do monte, dándolle o seu sentido como valor en si e como valor ambiental de uso para toda a comunidade veciñal e a sociedade en xeral, desligándoo dese valor mercantil para situalo na sociedade actual como ben comunitario, social e de toda a humanidade.

Función ecolóxica e aproveitamento

No aproveitamento multifuncional dos montes veciñais cómpre dar unha importancia especial á función ecolóxica, xa que o medio ambiente non só é a nosa casa común, senón que nós mesmos formamos parte indisociable da natureza. Por iso precísase comprender a función ecolóxica do monte para integrala en todo a planificación de usos que se faga.

Salvo en casos excepcionais como os montes protexidos de grande valor ambiental ou paisaxístico (bosque atlántico, fragas ou as áreas restrinxidas de protección…), debemos evitar considerar aos montes veciñais como reservas de natureza intocable, porque cada milímetro cadrado de terra está pisado e manexado pola humanidade desde hai milleiros de anos (non hai bosque virxe) e porque a función ambiental non debe ser específica, senón que debe estar presente en todos e cada un dos múltiples usos dos montes veciñais. Só deste xeito  estaremos ase­gurando a conservación dos valores ambientais do monte, do medio en xeral e dos recursos renovables, así como garantiremos a sustentabilidade de todas as actividades humanas en relación co monte.

Criterios de sustentabilidade

A adopción e a aplicación dos principais principios da ecoloxía fanse cada día máis necesarios para o monte veciñal. O principio de precaución, de selección sostible das tecnoloxías a usar, do baleirado sostible dos recursos non renovables ou da irreversibilidade cero, deben ser criterios de sustentabilidade na aplicación dos aproveitamentos do monte.