Fiscalidade

Unha fiscalidade inxusta e absurda. Apartado dos relatorios do IV Congreso

Imos camiño dos dez anos da aplicación do Imposto sobre Sociedades aos montes veciñais, ficando meridianamente clara a inxustiza deste imposto. Logo deste tempo, vemos que a razón do imposto foi de tipo político, que tiña e ten como obxectivo a desnaturalización dos montes veciñais como paso á súa privatización.

Afirmamos isto con rotundidade xa que non atopamos razóns xurídicas: as entidades que son suxeitos pasivos no imposto teñen que cumprir unha das seguintes condicións:

– Ser persoas xurídicas.

– Ser unidades económicas ou patrimoniais separadas, que se constitúan a partir dun acordo de vontades ou pacto asociativo previo entre dúas ou mais persoas para posta en común de ben ou dereitos.

-Ser entidades que perseguen a obtención de beneficios con intención de repartilo entre os seus membros.

As comunidades de montes non cumpren ningunha das dúas primeiras condicións e soamente algunhas cumpren a terceira.

Tampouco atopamos razóns económicas nin fiscais, xa que unha sentenza do Tribunal de Xustiza das Comunidades Europeas indica que nada impide que unha entidade poida ser cualificada como entidade sen ánimo de lucro aínda que persiga a obtención de beneficios, sempre que as ganancias non se distribúan entre os seus socios e se destinen a fins sociais e comunitarios.

Por todas estas argumentacións, reafirmámonos en que a inclusión dos montes veciñais como suxeitos pasivos no Imposto sobre Sociedades durante o goberno central do PP obedece a razóns de tipo político de dificultar a xestión e o goberno das comunidades de montes.

Nestes case dez anos de aplicación do Imposto, e desde o primeiro momento, só a ORGACCMM mantivo unha oposición clara, defendendo que os montes veciñais foran sacados do mesmo. Así foron realizadas dúas manifestacións en Santiago de Compostela e presentadas iniciativas nos concellos, proposicións non de lei no Parlamento do Estado e no Parlamento galego. Aínda que non se logrou o obxectivo marcado, que era e segue sendo a aprobación dunha fiscalidade adecuada para a figura e as funcións do monte veciñal, acadáronse éxitos parciais, como a prolongación de 3 a 5 anos o tempo para o investimento de ingresos e poder alongar máis tempo este prazo de presentarse un plan de xestión que estableza investimentos.

Pero estas medidas, que poden axudar a moitas comunidades a planificar fiscalmente mellor a súa xestión, non son suficientes. Se a inclusión dos montes veciñais no Imposto sobre Sociedades foi debido a unha acción política, ten que ser outra acción política a que nos saque deste imposto. Esta acción ten que ter dúas direccións:

1- Dar argumentos na futura reforma do Estatuto de Autonomía de Galicia, de xeito que todas as competencias sobre os montes veciñais, desde o seu réxime xurídico deica os seus aproveitamentos, pasando pola fiscalidade, teñen que ser competencia de Galicia.

2- Convencer aos partidos políticos galegos de que a inclusión dos montes veciñais no Imposto sobre Sociedades impide a posta en valor dos montes veciñais de xeito multifuncional e sustentable e, xa que logo, é prexudicial para o medio rural e para o país. Cómpre convencelos de que o sistema impositivo sobre os montes veciñais poida ser un asunto da mesa de negociacións para acadar o apoio necesario ás accións de goberno, como os orzamentos do Estado, etc.