Enerxías renovables

O aproveitamento dos cultivos enerxéticos e a explotación das enerxías renovables forman parte da diversificación dos aproveitamentos dos montes veciñais, pero de levarse a cabo sen unha planificación e sen un control social, poden significar unha ameaza máis para consolidación da titularidade veciñal.

O borrador da orde (aínda segue a ser un borrador) pola que se regulamentaban os cultivos enerxéticos en Galicia e se creaba o Rexistro Galego de Cultivos Enerxéticos Forestais, estaba encadrada no Plan de Acción da Biomasa das comunidades europeas e no Plan de Enerxías Renovábeis do Estado español, que prevé que para o ano 2012 este tipo de enerxías aporten o 12% do consumo. A pretensión da orde era aproveitar a biomasa forestal, que podería proceder de cultivos ou de colleita, para a produción de electricidade. Isto é, desde a orde estábase a potenciar a plantación de especies arbóreas, en ciclos de 3 a 5 anos, co fin de producir enerxía eléctrica. Unha nova promoción do monocultivo forestal de tipo extractivo.Detalle arco da vella

En termos xerais, a Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais  (ORGACCMM) rexeitou o contido desta orde polos seguintes motivos:

1- Rexéitase que esta produción apareza para substituír a enerxía producida por fontes non renovables se non vai acompañada dun calendario que fixe esta substitución. De non facerse así, estase a aumentar a produción de enerxía nun país que xa é excedentario.

2- A orde non viña precedida dunha ordenación do territorio que indicase as zonas axeitadas para dedicalas a estes cultivos, de xeito que a súa entrada podía agravar un dos problemas dos montes creando un novo monocultivo.

3- Curiosamente, a orde non prevía ningún plan de xestión para a retirada da biomasa forestal residual, produto dos traballos de silvicultura. Dábase a entender que era máis rendible para as empresas a producción directa de cultivo enerxético.

4- Non se contemplaba a declaración de impacto medioambiental para todos os casos, malia a que se aceptan plantacións con especies alóctonas, moitas delas potencialmente invasoras e, polo tanto, descoñecendo a repercusión que puideran ter sobre o medio.

5)-Definía como cultivo enerxético a plantación do carballo cerquiño, especie que ao noso entender, ten un grande valor ecolóxico para o monte.

As empresas explotadoras deste aproveitamento xa comezaron a realizar as súas ofertas ás comunidades de montes coa  presentación de contratos aberrantes:  esixen parcelas de monte con pendentes máximas do 10/15%, con terra agraria e doada de traballar; reclaman a xestión do monte veciñal, substituíndo ás xuntas rectoras, e ofrecen un prezo de 30/euros/Ha/ano.

Os cultivos enerxéticos nos montes veciñais poden ser un aproveitamento máis do monte, pero téñense que levar adiante dentro dun plan de ordenación do territorio e dun plan de usos das terras de querermos que a súa explotación non sexa unha ameaza para a titularidade veciñal. Ademais, este aproveitamento non pode contradicir os plans de ordenación de cada monte veciñal e a superficie de explotación non pode superar a superficie que cada monte ten dedicada á función social e á función medioambiental.

A enerxía eólica

Resulta dun aproveitamento da renovable forza do vento, polo que é unha enerxía limpa e beneficiosa. O aproveitamento da enerxía eólica nos montes veciñais pode significar unha diversificación dos usos do monte veciñal ademais de recursos económicos constantes para as comunidades de montes e, polo tanto, poden ser olladas con interese polas asembleas xerais de comuneiros.

Mais a experiencia destes últimos anos levounos á desilusión, xa que a instauración deste tipo de obtención enerxética cos gobernos do PP na Xunta de Galicia nin favoreceu ás comunidades de montes nin ao medio rural:

-Foi declarada como de utilidade pública e, xa que logo, fóronlle expropiadas as terras daquelas titularidades que non querían este aproveitamento.

-Foi implantada sen un estudo que analizase as outras fontes de enerxía que se producían en Galicia, co fin de reducir o consumo das enerxías que tiñan efectos contaminantes.

-Foi deseñada sen unha ordenación do territorio nin dunha ordenación de usos das terras que fixasen o número de aeroxeneradores a instalar, considerando que todos os cumios dos montes galegos eran susceptibles de seren adecuados para a instalación de parques eólicos, mesmo en lugares de valor ecolóxico, parques naturais ou terras incluídas na Rede Natura.

-Foi imposta sen un estudo que analizase os efectos negativos desde os puntos de vista ambiental e social. Tampouco foi analizado o efecto que podía producir na flora e na fauna, nin o impacto na paisaxe.

-Foi concedida por adxudicación directa para beneficiar as grandes empresas eléctricas, que se repartiron o mapa das localizacións dos parques eólicos. Non houbo concurso público, nin transparencia.

-Foi planificada sen contar coa opinión das comunidades de montes, que son as titulares das terras onde se colocaron os aeroxeneradores.

Deste xeito, as comunidades de montes foron as máis prexudicadas co aproveitamento da enerxía eólica xa que, se estaban de acordo, o prezo era insignificante para a rendibilidade do muíño e, se non o estaban, quedaban sen terras por mor da expropiación das mesmas.  Asemade, o propio medio rural tampouco foi beneficiado, xa que o valor engadido desta produción enerxética non recaia na súa posta en valor.

Co goberno do PSOE/BNG, a Consellería de Industria promulga un novo decreto para o aproveitamento da enerxía eólica. Este decreto significou importantes melloras para as comunidades de montes, como foron :

-As concesións realizábanse mediante concurso público no que todas as empresas  participantes coñecían os criterios e as condicións a cumprir.

-Ordenábase en parte o territorio galego, xa que non se podían instalar parques eólicos en zonas de Rede Natura, con restos patrimoniais ou no percorrido do Camiño de Santiago.

-As solicitudes para a instalacións dos parques eólicos tiñan que ir acompañados dun estudo de impacto medioambiental.

-As empresas explotadoras tiñan que pagar un imposto especial que revertía, unha parte para a Xunta de Galicia e a outra parte para os titulares das terras onde se instalaran os aeroxeneradores.

-A Consellería de Industria esixíalle ás empresas que optaban a explotación da enerxía eólica, o acordo cos titulares de cando menos o 75% das terras. Cuestión que significaba unha mellora substancial para as comunidades de montes, xa que, se non querían o parque eólico, non se instalaba; e se o querían, podían negociar en boa posición as condicións da instalación.

Por primeira vez apreciábase certa sensibilidade pola poboación do medio rural e por buscar un equilibrio entre o económico, o social e o ambiental, a pesar de que este decreto non incluía todas as reclamacións solicitadas polas comunidades de montes porque faltaban tres aspectos importantes:

– Unha ordenación dos usos das terras.

– Un estudo que analizase a produción das outras enerxías que se producen en Galicia, co fin de ir eliminando as contaminantes.

-O desacordo co 75% da capacidade para que decidirán se querían ou non querían o parque eólico.

Malia a isto, o avance era importante.

A derrogación deste decreto da enerxía eólica realizado polo Partido Popular, coa escusa de apreciar irregularidades e inseguridades xurídicas nel, facilitoulle a volta á situación anterior: adxudicación directa, ocultismo, tráfico de influencias (hai cargos da anterior etapa do PP procesados por beneficiar a empresas de familiares), expropiacións que son espolios, beneficios para fóra e prexudicadas de novo as comunidades de montes. E aínda din que o fan en beneficio de Galicia.

Outra ameaza á titularidade veciñal.

A enerxía fotovoltaica ou solar

Tamén pode considerarse como unha enerxía limpa na xeración, por máis que teña o atranco do mantemento: a eliminación das baterías e dos compoñente químicos é un proceso contaminante.

A súa posta en marcha debe xerar ingresos para as comunidades de montes, dado que é un aproveitamento mais do monte veciñal. Pero a instalación das placas para captar a enerxía solar produce certos impactos que deben ser valorados polos titulares das terras, como son :

a- Impacto no propio monte: a superficie ocupada pola instalación das placas é de 4 a 6 Ha, colocadas entre 0,5 e 1,5 metros de altura, o que significa que nesa superficie non se pode dar outro tipo de aproveitamento.

b- Impacto visual: a instalación das placas solares produce o efecto espello.

c- Impacto ecolóxico: as superficies ocupadas polas placas solares impiden a chegada da luz solar ao chan, polo que poden causar modificacións no ecosistema.

Para que a posta en marcha da produción da enerxía fotovoltaica non signifique unha ameaza para a consolidación da titularidade veciñal, o seu aproveitamento debe realizarse nas seguintes condicións:

1) Realizar previamente unha ordenación do territorio e dos usos das terras, así como a eliminación paulatina doutras enerxías procedentes de fontes non renovábeis.

2) Este aproveitamento debe estar incluído nun mapa estratéxico de enerxías de Galicia, onde a posta en marcha desta enerxía estableza orde de prioridades para a súa instalación -como tellados de naves industriais e de edificios públicos antes que no monte- e onde se contemple o aforro enerxético e o desenvolvemento socioeconómico da zona.