Recoñecemento social

Os montes veciñais son unha titularidade veciñal ou comunitaria, mais esta definición, que semella clara para nós, non o é para certa parte da sociedade galega e mesmo para ás distintas administracións públicas, das locais ata a europeas, das galegas ás estatais.

MontesO abandono dos usos tradicionais do monte veciñal, o desvío do investimento de todos os ingresos procedentes dos montes veciñais para obras de carácter social, esquecendo a mellora do propio monte veciñal, fixo que o concepto de titularidade veciñal ou fose esmorecendo. Estas circunstancias provocaron que as comunidades de montes non desen resposta ás novas actividades que viñan aparecendo nos montes veciñais: conservación do patrimonio, aproveitamento cinexético, xestión dos espazos, actividades de lecer e deportivas, actividades enerxéticas… Como o usuario destas actividades foi unha sociedade cada vez máis urbana, foise creando unha confusión entre o monte veciñal e a titularidade pública.

Os montes veciñais sempre foron espazos de uso público, e nós defendemos que o sigan sendo. Sen embargo, estas novas actividades deben ser consideradas aproveitamentos do monte veciñal e, xa que logo, os usuarios dos mesmos, que non teñen a condición de veciño/a comuneiro, precisan a autorización dos titulares das terras para facer uso deles. Isto non significa a prohibición destes usos ás persoas que non sexan comuneiras, senón que pretende dar a entender á sociedade no seu conxunto que a titularidade veciñal ten que ser recoñecida e respectada como o son as outras titularidades. Non e certo o que afirma o refrán de que “o que é do común non e de ningún”.

Se por unha banda a sociedade confunde a titularidade veciñal coa titularidade pública, as distintas administracións sitúanse na banda contraria e catalogan as titularidades veciñais como titularidades privadas.

Tanto a Lei de Montes Veciñais galega como a Lei de Montes estatal sitúan aos montes veciñais en man común no campo das titularidades de carácter privado. Esta equiparación é unha inxustiza e un prexuízo para a titularidade veciñal. Como exemplo, a Lei de Montes estatal establece bonificacións fiscais para a concentración de terras e a transmisión por herdanza. O monte veciñal non precisa de concentración e non se transmite en herdanza individual, polo que non pode acollerse a ningunha bonificación fiscal. Non se reclama eliminar o concepto xermánico da titularidade veciñal, senón o recoñecemento desta con igualdade xurídica e administrativa coas outras, tendo en conta as súas características e as súas funcións.

Esta mesma problemática deuse nos baldíos de Portugal, pero a propia Constitución portuguesa evitou a privatización do monte recoñecendo esta titularidade singular como “comunitaria”, cunha categoría distinta pero equiparable á pública e á privada.

No debate do borrador da anteproxecto de Lei de Montes de Galicia, a ORGACCMM reivindicou que nel se recolleran os tres tipos de titularidade. Aínda que se conseguiron avances moi importantes, como a definición dos montes veciñais como titularidades de carácter xermánico, non se acadou o recoñecemento dos tres tipos de titularidade.

Esta reivindicación histórica debe ser mantida cando se reinicie o debate sobre a reforma do Estatuto de Galicia, pois o texto reformado debe recoñecer que no noso país hai tres tipos de titularidade: a pública, a privada e a veciñal ou comunitaria.